------------------------------------------------------------------------------------------------------

No día de hoxe centos de estudantes mobilizáronse nas principais cidades do País en
solidariedade co estudantado desaloxado esta madrugada mentres estaba a realizar
un peche pacífico na Biblioteca Nodal como denuncia aos recortes que en materia de
ensino está a levar a cabo o Partido Popular. Así pois na Coruña, Lugo, Compostela, Vigo
e Ourense escoitouse a voz da indignación estudantil, a voz de todas e todos nós fartos
xa de aturar a un goberno antisocial e vendido ao capital, que mercantiliza o ensino público
e vende os servizos sociais a prezo de saldo aos especuladores. Mais desta vez foi máis
alá. Desta vez respondeu con violencia, co seu aparello represor, ás xustas
e pacíficas reivindicacións dun grupo duns 50 estudantes que tiñan como obxectivo pasar
a noite estudando nunha biblioteca da cidade das Burgas como protesta simbólica, pero
nin iso está disposto a consentir o poder. Porque, non o esquezamos, ao poder non
lle gustan as novas xeracións formadas e preparadas para combatelo e así pois mandou
a quen non sabe o que é unha biblioteca, a quen non sabe o que é un libro, a descubrilo.
E como resultado, identificacións e contusións.
Ao tempo que se desenvolvían as mobilizacións desta tarde, a Xunta de Galicia emitía
unha nota denunciando os estragos ocasionados supostamente polo estudantado,
culpándoos de “romper unha mesa, provocar danos nos andeis e facer
desaparecer unha bandeira española”, así como de “deixar restos de comida, bebida
e candeas” e “bandeiras nacionalistas e comunistas”. Ademais, a Xunta puxo estes
feitos “en coñecemento do xulgado de instrución de garda para que os causantes
non queden impunes”.
Se alguén non pode quedar impune son o goberno e as forzas policiais, que
se empeñan en silenciarnos con mentiras e represión violenta.
Dende a Liga Estudantil Galega desmentimos e denunciamos as acusacións feitas pola
Xunta, máis propias dun patio de colexio que dun Goberno . As compañeiras pechadas
a noite de onte preocupáronse en todo momento por manter o espazo en boas condicións,
e o único problema deuse precisamente coa entrada dos policias españois. Foron eles
quen non tiveron reparo ningún en empregar a forza e destrozar o material, tanto das
compañeiras como da biblioteca, para conseguir levar a cabo o desaloxo.
Esta mesma tarde, despois da concentración, as compañeiras de Ourense decidiron
volver entrar na Biblioteca coa mesma intención que onte, pero desta volta foilles
imposible xa que a policia española estaba xa dentro e fóra do recinto para impedir
o seu acceso, coas portas pechadas, malia faltar corenta minutos para a hora do seu
peche normal. Por este motivo, decidiuse transladar o peche á Facultade de Ferro
do campus ourensán, onde se atopan agora preto de 100 estudantes, concentrados
de forma pacífica, e onde pasarán toda a noite loitando polos dereitos do estudantado
galego.
Podedes consultar a
galería de imaxes das manifestacións e do peche, que está aínda suxeita a
actualización.